O Premio Carlos Mosteiro de literatura infantil e xuvenil é un certame convocado polo Concello da Pobra do Caramiñal e a Editorial Galaxia , en colaboración coa asociación Barbantia e creado no 2018 como homenaxe ao escritor veciño deste concello e como medio de promoción para autores e autoras de literatura infantil en lingua galega.
O xurado formado por Encarna Pego, Xosé Antonio Neira Cruz, gañador da anterior edición, e Marcos Calveiro decidiu conceder o galardón da quinta edición do Premio Carlos Mosteiro de literatura infantil e xuvenil , á obra presentada baixo o título de Teño un volcán dentro que narra a historia dun rapaz coa síndrome de Asperger e o seu proceso de integración nun novo centro educativo, ademais da adaptación do seu círculo próximo á situación.
A autora da obra gañadora é María Canosa enxeñeira de Camiños e escritora con ampla traxectoria na LIX, libros de divulgación científica e biografías. Directora de Proxectos no Centro de Coñecemento da Costa da Morte . Tamén participou como experta nos concursos da RTVG Cifras e letras , Letras van e Coma un allo . A día de hoxe colabora como articulista en La Voz de Galicia , e foi contertulia en programas da Radio Galega e de Radio Voz.
Referencias á nova na web:
- apobra.gal
:
https://apobra.gal/maria-canosa-ganadora-da-quinta-edicion-do-premio-de-literatura-infantil-carlos-mosteiro/
- Axenda
cultural AELG:
https://axendacultural.aelg.gal/2022/12/30/maria-canosa-gana-o-v-premio-de-literatura-infantil-carlos-mosteiro/
- Culturagalega:
http://culturagalega.org/noticia.php?id=34618&soportal=lg3





