A candidatura presentada a proposta de GÁLIX foi aceptada e a asociación de Gondomar figura na listaxe oficial do Premio Astrid Lindgren Memorial Award dentro do apartado «Promoter of reading», dedicado á promoción da lectura.

Desde a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil celebramos a incorporación de Espazo Lectura ás candidaturas ao Premio ALMA 2027, un dos grandes recoñecementos internacionais no ámbito da literatura infantil e xuvenil e da promoción lectora. Creado polo Goberno sueco en 2002 en memoria de Astrid Lindgren, o galardón reivindica o dereito da infancia a acceder á literatura e recoñece o traballo de persoas e organizacións de todo o mundo.
A proposta de GÁLIX nace da vontade de dar proxección internacional a unha experiencia que fixo da lectura unha práctica compartida e un motor de participación cultural. Constituída como asociación en 2008, Espazo Lectura ten as súas raíces en “Contomar”, unha actividade de narración oral que comezou en Gondomar en 2006. Desde aquela, o compromiso do voluntariado e a implicación das familias permitiron consolidar unha programación estable que acompaña distintas xeracións de persoas lectoras.
Ler, compartir e construír comunidade

“Contos en Cueiros”, “Contomar”, “Lendo Contigo” ou “Comando Le” son algunhas das propostas que achegan os libros á primeira infancia, ás familias e á mocidade. A Casa da Lectura, en Donas, constitúe outro dos lugares de referencia dun proxecto no que escoitar historias, conversar sobre o lido e coñecer outras persoas forman parte dunha mesma experiencia.
Ese labor ten un valor especial para a nosa lingua e a nosa literatura. Espazo Lectura crea oportunidades para vivir en galego, establecer amizades, descubrir obras e compartir inquedanzas. Os libros conectan persoas de distintas idades e fan posible unha socialización na que o galego ocupa un lugar cotián, ligado ao pracer, á curiosidade e aos afectos.
Desde GÁLIX consideramos que esta maneira de entender a mediación lectora merece ser coñecida e compartida. Ademais, a continuidade do proxecto, o seu arraigamento no territorio e a capacidade de implicar a comunidade mostran o alcance das iniciativas cidadás na formación de persoas lectoras e no acceso á cultura.
Cómpre lembrar que a súa traxectoria recibiu, entre outros recoñecementos, o Premio Liber á mellor iniciativa de fomento da lectura en bibliotecas abertas ao público e o Premio Follas Novas á mellor iniciativa cultural ou de fomento da lectura, ambos en 2024.
Nesta ocasión, a edición de 2027 do ALMA reúne 277 candidaturas de 80 países e rexións, e o fallo anunciarase o 6 de abril de 2027.
Parabéns a Espazo Lectura e a todas as persoas que apoiaron a candidatura e que sosteñen esta comunidade arredor dos libros!
Listaxe oficial de candidaturas ao ALMA 2027: https://alma.se/en/nomination/candidates/nominated-candidates-2027
Máis sobre Espazo Lectura en: https://www.espazolectura.gal/





