Exposición María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes

Dende o mes pasado, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, a Xunta de Galicia puxo en marcha unha mostra para divulgar a figura da autora homenaxeada este ano: María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes.

A exposición itinerante percorrerá os concellos galegos, ata o mes de decembro, de : Santiago, Pontevedra, Vigo, Lugo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Sanxenxo, Ordes, Vilalba e Celanova.

A mostra está baseada en ilustracións dos principais personaxes e escenas de oito libros de María Victoria Moreno, a cargo de oito ilustradores galegos: Nuria Díaz,Lucía Cobo,Xan López Domínguez,Jacobo F. Serrano,Jacobo Muñiz,M.ª Fe Quesada,Bea Lema e Dani Padrón, baixo a coordinación de David Pintor, autor á súa vez da imaxe central da mostra.

As obras con que os ilustradores e ilustradoras dialogan son O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.

Cada un dos artistas creou nun panel dúas ilustracións alusivas ao personaxe principal da historia e mais ao escenario no que se desenvolve a historia das obras.

Pode accederse ao folleto da exposición en liña na web da Consellería de Cultura.