Onte, no Salón Nobre do Pazo de Raxoi, fíxose entrega á ilustradora húngara Mariann Máray do XII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado , convocado polo Concello de Santiago . A súa obra “O can de Milu” acaba de ser editada por Kalandraka nas cinco linguas oficiais peninsulares: galego, castelán, catalán, éuscaro e portugués e inglés.A cerimonia, conducida pola responsable do Departamento de Educación, Beatriz Varela, contou coas intervencións de Xosé Ballesteros, director da editorial Kalandraka e do alcalde de Santiago de Compostela Xosé Sánchez Bugallo. Xosé Ballesteros dedicou parte da súa alocución a reivindicar a cultura coma un ben de primeira necesidade e destacou o valor das linguas como vehículo de cultura en condicións de igualdade.Sánchez Bugallo destacou o valor da diferencia, o enriquecemento da diversidade.Os dous, Ballesteros e Bugallo, coincidiron en lembrar a figura do finado José Manuel Rodríguez-Abella que foi pedagogo municipal, xefe do departamento de Educación do Concello e impulsor do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado.O acto estivo amenizado por interludios musicais a cargo do cuarteto de trompas da Escola Municipal de Música.







