A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) homenaxeará este ano a escritora Concha Blanco, unha das voces pioneiras da literatura infantil e xuvenil galega, en recoñecemento á súa extensa traxectoria literaria, ao seu compromiso coa lingua e á súa contribución á promoción da lectura entre as novas xeracións.
Nada en Lires (Cee) en 1950, Concha Blanco desenvolveu unha intensa actividade como mestra e profesora de Lingua e Literatura Galega, compaxinando o seu labor docente coa creación literaria, a elaboración de materiais didácticos e a dinamización cultural. Foi tamén vicepresidenta primeira de GÁLIX, asociación coa que mantivo unha estreita vinculación.
A súa andaina literaria comezou a principios da década de 1980, nun momento decisivo para a consolidación da literatura infantil en lingua galega. Con obras como Contos para a escola (1981) e Cousiñas para a escola (1984), contribuíu a achegar ás aulas e ás crianzas textos escritos na nosa lingua, abrindo camiño a novas xeracións de lectoras, lectores e creadoras.
Ao longo de máis de catro décadas, publicou máis de medio cento de obras individuais, cultivando xéneros como a narrativa, a poesía e o teatro. Entre os seus títulos destacan ¿Andrómenas?, A papoula era máxica, A min que me importa!, Quero que veñan meus pais, Boris, Tita, Macedonia de versos ou Eu tamén fun pequena.
A súa traxectoria foi recoñecida con numerosos galardóns, entre eles o Premio Lecturas GÁLIX, o Premio Arume de Poesía para Nenos, o Premio Pura e Dora Vázquez e o Premio Frei Martín Sarmiento, ademais de ser finalista de certames como o Lazarillo e o Barco de Vapor.
Cómpre salientar tamén o seu importante labor como mediadora lectora e defensora da lingua galega, desenvolvido a través de encontros con escolares, actividades de animación á lectura e iniciativas de formación do profesorado. O seu traballo representa o compromiso dunha xeración de autoras e docentes que contribuíron a construír e consolidar a literatura infantil e xuvenil galega.
Con este nomeamento como Socia de Honra 2026, GÁLIX quere recoñecer e agradecer a dedicación de Concha Blanco á creación literaria, ao ensino e á difusión da nosa lingua, así como a súa valiosa contribución á historia da LIX galega.
Parabéns por esta merecida homenaxe!
Podes consultar as súas obras pulsando sobre a seguinte imaxe.

Ilustración do cartel: Alba Blanco




