Por unha literatura infantil e xuvenil libre de censura e corrección política

Dende a OEPLI- IBBY España (Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil) e as súas seccións: GÁLIX, ClijCat, Galtzagorri e Consejo General del Libro queremos MANIFESTAR A nosa PREOCUPACIÓN ante a crecente tendencia á corrección política na literatura infantil e xuvenil.

A polémica suscitada pola noticia da reescritura das obras de Roald Dahl para adaptalas aos novos lectores fixo emerxer un problema que non é novo. Un problema que non só afecta á reedición de clásicos, senón que ten consecuencias sobre a produción actual, condicionada pola autocensura que moitos creadores, editores, prescritores e mediadores exercen habitualmente, co obxectivo de non incomodar, evitar o conflito ou unha suposta ofensa dos lectores actuais.

Estas prácticas de censura ideolóxica e a autocorrección, que en ocasións inducen a eliminar ou non mostrar e noutros casos para integrar temas tendencia, instrumentalizan a literatura, empobrecen a oferta editorial e van en detrimento do risco, a diversidade, a liberdade artística e o espírito crítico.

Moitas veces, o desexo adulto ben intencionado de protexer a infancia e ofrecerlle só o mundo que aceptamos e queremos para eles, esquece:

1.- Os nenos e mozos viven contradicións, inxustizas e situacións complexas que non desaparecen polo feito de non se amosar

2.- Necesitan situarse no contexto dunha historia que vén de lonxe e saberse herdeiros dunha tradición para poderse confrontar con ela e atopar as súas propias formas de subvertela. As obras literarias poden ser unha xanela para a proxección dun futuro diferente, pero non poden deixar de ser o espello do presente e do pasado que nos precede.

Os nenos necesitan libros que sexan espellos e libros que sexan xanelas. (Jella Lepman)

E por iso consideramos importante REIVINDICAR un compromiso colectivo cunha literatura infantil e xuvenil:

– Respectuosa coas capacidades que a infancia posúe para ler e interpretar as obras e o mundo, dende a complexidade, a ironía, a irreverencia, o simbolismo e a imaxinación.

– Sen un vínculo limitador cos factores educativos e pedagóxicos que se lle atribúen.

– Comprometida coa liberdade creativa.

– Innovadora e artisticamente arriscada, provocadora de preguntas máis que facilitadora de respostas e xeradora de retos.

É un insensato o que se empeña en ser escritor. A súa única compensación é a liberdade absoluta. Non ten quen lle mande, salvo o seu propio espírito, e iso, estou seguro, é o que lle tenta . (Roal Dahl)

As persoas ou entidades que queiran adherirse a esta reivindicación picar aquí .