Marifé Quesada nomeada Socia de Honra de GÁLIX

A xunta directiva de GÁLIX decidiu por unanimidade nomear Socia de Honra 2016 á ilustradora Mª Fe Quesada . A entrega do galardón terá lugar o vindeiro luns, día 12 de decembro, ás 12 h. nun acto escolar aberto ao público no IES Valadares (Vigo).

A escritora María Xosé Queizán lerá a laudatio . Despois procederase á proxección dos traballos da galardoada e o alumnado asistente ao acto poderá, ademais de manter un coloquio coa ilustradora, recibir un gravado numerado e asinado por ela, feita para esta ocasión. Logo da resposta da homenaxeada á laudatio , o presidente de GÁLIX fará entrega da escultura deseño de Noemí López, que acredita o nomeamento.

Nas anteriores edicións recibiron esta mesma distinción Xavier Senín, Xosé Neira Vilas, Agustín Fernández Paz, Fina Casalderrey, Xoán Babarro e Helena Villar Janeiro.