A poucos docentes lembra o seu alumnado con tanto respecto e admiración. A poucas amizades lembran os seus achegados con tanto agarimo. Porque Agustín Fernández Paz foi moito máis ca un excelente escritor: foi un mestre de vida que segue vivo a través das súas historias e da súa memoria.
Por iso, cando se cumpren dez anos do seu pasamento, desde GÁLIX queremos lembrar tamén, con enorme gratitude, o noso socio fundador, que tanto fixo pola lingua, pola cultura e pola literatura infantil e xuvenil galega.
Porque Agustín segue a ser un referente imprescindible da nosa LIX. O seu legado continúa vivo nas escolas, nas bibliotecas e no corazón de milleiros de lectoras e lectores que seguen descubrindo a forza, a emoción e os valores das súas creacións.
Cada vez que a cativada abre un libro de Agustín, cada vez que a rapazada se emociona cun dos seus relatos, a súa voz regresa con forza para lembrarnos que a literatura é unha das formas máis fermosas de comprender a vida e de construír un mundo mellor.
Grazas, Agustín, por construír un universo de historias inesquecibles. Grazas por sementar lectoras e lectores. Grazas por deixar unha pegada imborrable na literatura e na cultura de Galicia e, sobre todo, grazas por acompañarnos desde a infancia.
Oxalá a vida nos permita seguir vivindo contigo a través da túa obra por moitos anos.








