Participación no concurso UN POEMA NA TÚA VOZ

Con motivo da celebración do Día Internacional do Libro Infantil, Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GÁLIX) convocou o concurso de lectura poética “Un poema na túa voz” para animar ás crianzas a ler e desfrutar da poesía en galego no seu tempo de lecer.

Celebramos o éxito da convocatoria, nestes tempos de confinamento, dado que contamos con máis de 100 participantes nas categorías de: Lectorado Incial (1º, 2º e 3º de Educación Primaria), Lectorado Avanzado (4º, 5º e 6º de EP) e Superlectorado (1º e 2º de ESO).

Tal como se contemplaba nas bases da convocatoria, a entrega dos audios tiña que ser telemática, a través das bibliotecas públicas e escolares e as librerías. Logo de que se decretasen as medidas de confinamento, modificáronse as bases para facilitar a participación dende a casa.

Cómpre salientar o labor das bibliotecas públicas e escolares que animaron na súas redes á participación neste concurso e facilitárona poñendo os seus medios dixitais ó servizo das crianzas,

Queremos publicamente agradecer a alta participación no concurso, mesmo na situación actual, e as mensaxes de ánimo e agradecemento que recibimos no correo e nas redes.

Daremos conta da resolución do concurso nas redes sociais de Gálix e organizaremos o acto de entrega dos premios en canto nos sexa posible.