Un ano máisconmemoramos o nacemento de Hans Christian Andersen celebrando, o 2 de abril, o Día Internacional do Libro Infantil.
Por mor desta celebración a OEPLI , GÁLIX e as súas outras seccións animan a centros escolares, bibliotecas e librarías a realizar actos de fomento da lectura e participar na difusión da mensaxe e cartel que este ano se preparou dende a sección de Paises Baixos do IBBY, escrito por Rian Visser , ilustrado por Janneke Ipenburg e traducido ao galego por Mercedes Pacheco.
GÁLIX organiza sempre algunha actividade para festexar esta data. Nesta ocasión decidimos levar a ilustración infantil ás aulas hospitalarias.
Na aula hospitalaria de Santiago desenvolvimos unha actividade de ilustración a cargo de Blanca Millán baixo o título: “Eu tamén son un personaxe de conto”.
Na aula hospitalaria de Vigo foi Anxo Fariña o encargado da realización do obradoiro de creatividade e ilustración. Dende GÁLIX queremos agradecer a magnífica recepción das aulas hospitalarias a unha iniciativa que agardamos teña continuidade nos próximos anos grazas ao apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.






