Adoitamos considerar o mes de abril como o mes da Literatura Infantil; a partir da conmemoración, o día 2 deste mes, da data de nacemento de Andersen as bibliotecas escolares e públicas énchense de actividades ao redor do libro e da literatura.
Neste malfadado ano 2020, as escolas e as bibliotecas están baleiras e as nenas e nenos teñen FAME DE PALABRAS.
Aproveitemos, como aconsella Héctor Cajaraville neste vídeo gravado para o programa A REVISTA da TVG , para ler en galego en familia.
FAME DE PALABRAS é tamén a proposta da Asesoría de bibliotecas escolares en Twitter que convida a lles enviar unha palabra xunto á portada do libro á que pertence.
Ler e recitar poesía infantil en galego para o concurso ” Un poema na túa voz ” é o convite de GÁLIX para este mes de abril. Aulas Galegas convocan o concurso de narrativa sonora Ouvea o Lobo . Iniciativa para promocionar a escritura e o desenvolvemento do talento e a ficción sonora como xénero, na que colaboran artistas e promotores culturais galegos, Fundación Luis Seoane e o Festival Internacional de Outono de Teatro (FIOT), e o Festival Internacional de Narración Oral Atlántica
Recollemos no padlet, RECURSOS CON MOITA LIX PARA FICAR NA CASA , outras moitas iniciativas solidarias para ler e ocupar o tempo das crianzas con actividades creativas, educativas e de calidade







