Día das Letras Galegas 2026 – Begoña Caamaño

Xornalista, escritora, feminista, activista, compañeira… no interior de
Begoña Caamaño aniñaban mundos en relación que, coma se dunha
boneca rusa se tratase, conformaban unha personalidade e un xeito de
ver o mundo revolucionarios e agarimosos.
A loita pola igualdade vertebrou unha vida que se homenaxea este ano
nas Letras Galegas. A subversión dos clásicos que levou ao cabo en Circe
ou o placer do azul e en Morgana en Esmelle xermolan no seu desexo
de explorar os recantos da realidade máis invisibilizados e agochados
polo relato oficial. Mais Begoña non escribiría se antes non lese, e antes
incluso, se ninguén lle lera.
Os contos do seu avó ou as lecturas da súa nai cimentaron os alicerces da
súa vocación: as letras. E é que a lectura na infancia é piar fundamental
sobre o que medrar como persoas. A literatura infantil e xuvenil fai unha
tarefa crucial: espertar a mente, axitar o corazón e avivar os soños, para
que os adultos do futuro amen a lectura e a lingua na que a levan a cabo.
Velaquí unha pequena escolma de entrevistas e recomendacións lectoras
coas que coñecermos, indagarmos e amarmos a Begoña, que cría que
unha utopía, un futuro novo, era posible.

Alba De Evan

Ilustrado por María Montes

Premendo na imaxe pódese descargar a Guía de Recomendacións Lectoras e as achegas de Paula Carballeira, Nuria Díaz, Beatriz Maceda, Eva Mejuto e Laura Romero, sobre a súa vida e traxectoria.