Xela, aventura na fraga, de Inma Soto Iglesias

OUTUBRO 2025

Recomendamos Xela, aventura na fraga de Inma Soto Iglesias

Logo de Xela, superheroina de aldea, Inma Soto e Clara Cerviño ofrecen una nova entrega protagonizada por esta nena curiosa e valente. Nesta ocasión, o escenario desprázase da aldea á fraga, un espazo natural cheo de vida, misterio e descubrimento. O argumento xira arredor dunha desaparición estraña; Xela debe seguir pistas - pegadas, plumas e restos - ata descubrir que animal se agocha. Así, a historia convertese nun xogo detectivesco que invita a quen le a participar activamente na procura.

O álbum destaca pola súa capacidade de transmitir valores ambientais sen caer na didáctica excesiva. A través de Xela, o lectorado miúdo aprende a observar e respectar os ecosistemas e a recoñecer a contorna. Se o primeiro libro poñía o foco na comunidade rural, esta aventura céntrase na fraga, no bosque, no húmido chan, nos sons que se agochan entre as árbores e a emoción dos misterios naturais.

A narración, sinxela e accesible, sostén o interese grazas ao ritmo pausado que combina suspense e contemplación. Pola súa parte, as ilustracións de Clara Cerviño engaden o marco perfecto: cores vivas, texturas de follas e sombras, pequenos detalles que converten cada páxina nun convite a mergullarse no bosque.

Estamos a falar dunha obra fermosa, comprometida e perfecta para achegar o amor pola natureza, moi recomendable na escola e con Inma Soto como contacontos.

En definitiva, confirma que Xela chegou para quedar. Unha lectura que me encantou e quero recomendar para abrir os ollos, sementar preguntas e conectar coa nosa terra.

Ivana Gómez Abuín