
FEBREIRO 2024
Recomendamos Misión salvamento de Cristina Oleby
Alerta, alerta!, son as 11:02 horas e unha formiga está a ser secuestrada por un paxaro. O grupo de Insectos Especiais prepara unha misión para o seu rescate.
Isto está a pasar na cociña dos Queiruga grazas a mente creativa de Cristina Oleby, escritora sueca establecida en Segovia cunha morea de títulos ás súas costas para pequenos e grandes lectores. Temos o pracer de lela por primeira vez na lingua galega co álbum ilustrado “MISIÓN SALVAMENTO”, editado por Triqueta Verde e ilustrado por Mariona Tolosa.
Non é un álbum ao uso, nin tampouco é un libro un libro informativo. É a maxistral forma de facer unha historia para as primeiras idades mesturada cun montón de datos curiosos.
Ese equipo de rescate está formado por unha mosca que desafía a gravidade camiñando polos teitos, unha araña coa capacidade de respirar durante horas baixo a auga, unha pulga que salta 200 veces o seu tamaño, unha abella que voa a 25 km por hora e bate as ás 200 veces por segundo, un vagalume velenoso, un insecto folla que rexenera extremidades e un escaravello peloteiro que se orienta a través das estrelas. Datos reais, nomes secretos e particularidades propias fan que, con semellante equipo, nada poida saír mal.
Mosca deseña o plan perfecto e cada un encargarase dunha parte. Teñen ata ás 23:58 horas para adestrarse. Conseguirano?
Oleby mantén ao lector agardando a liberación da formiga, pero, ás veces, non todo é o que parece.
Agora son eu a que queda agardando o seu próximo libro na nosa lingua.
Ana Meilán
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.