Medo me da! de Ramón Domínguez Veiga

FEBREIRO 2026

Recomendamos Medo me da! de Ramón Domínguez Veiga

En formato de texto teatral, perfectamente representable, cóntanos de maneira impecable unha historia sinxela e divertida que acontece o día 2 de novembro, en que se honra aos mortos e no que nenos e nenas se disfrazan de personaxes tétricos.

Un vampiro, un home lobo, unha bruxa, unha momia, unha pantasma e alguén máis… transitan por espazos nos que una criatura humana de curta idade adoita ter medo, como pode ser ir a unha clínica dental.

O feito de que os “monstros” sexan nesta ocasión os que sufran eses medos tan comúns aos humanos, fainos máis atractivos e a mensaxe “quita-medos”, máis efectiva.

Trátase de seis escenas que van sementando intriga. Ao final de cada escena sempre acontece “algo” inesperado que lle impide ao lector, á lectora, saber de que se disfrazaron, avanzando habilmente cara a un desenlace final que sorprende e satisfai á cativada a quen vai destinada a obra.

Precisamente un dos seus valores é que ten os ingredientes precisos para conquistar á xente miúda cara ao gozo da lectura.

Aínda que convida a ser representada coma un musical, tanto por escolares (en calquera curso de primaria) como por profesionais da escena. Cada escena remata cunha canción a modo dos populares romances de cego daquela literatura chamada “de cordel” (con temas truculentos e sucesos insólitos) e con “baile”. Préstase tamén a ser lida individual o colectivamente coma unha peza literaria moi amena que trata de desmontar os medos máis comúns da infancia cun humor ateigado de equívocos e lúcida ironía, da que nenos e nenas poden gozar porque hai no autor ese esforzo en comunicarse con quen é máis novo ca nós, non menos intelixente.

Fina Casalderrey