
AGOSTO 2024
Recomendamos Garabitolas de Xoán Babarro
Garabitolas (*) devólvenos aos xogos e versos dirixidos aos pequenos e as pequenas, aos bebés da casa, a eses seres que tratamos de introducir no noso mundo compartindo con eles o patrimonio oral.
Babarro é o máximo artífice da poesía para as crianzas máis pequerrechas; a ninguén mellor que a el se lle podía ocorrer escribir este libro para recibir aos que chegan á familia dende as barrigolas das nais. Os afectos vanse mostrando nos chuchos, os bicos e as caricias, nas palabras e nas expresións, comezando con eses versos de Rosalía:
"Olliños de groria!
Cariña de meiga!
Apértame ben,
Corazón de manteiga!"
Collémolo no colo que é o mellor berce, arrandeámolo, cantámoslle cancións que os animen a durmir e xogamos ás cabaletas porque os xeonllos son cabalos. Ata lle cantamos noutros idiomas para recibilos dende a diversidade das linguas dese mundo que os recibe. Cada momento ten o seu canto (a comida, o baño...), os xogos de mans e de diferentes partes do corpo. Os animais han de estar presentes, tanto os de dentro da casa coma os de fóra: ese gatiño, a galiña e os pitiños, o can e o burro, o raposo... pero tamén os pezas de roupa ou os xoguetes... ata limpar os mocos ten o seu aquel cando son os dun bebé.
Unha festa e un gran acerto este libro que dá a benvida e acompaña os primeiros tempos do bebé "para ler en voz alta e xogar coas palabras" tal como se di na presentación.
* Selección de LIX galega, feita por GÁLIX para o Catálogo OEPLI 2023
Pilar Sampedro
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.