Este libro encantoume (xuño 2018)

XUÑO, 2018

Recomendamos:Lúa, de Pepablo Patinho Penya.

Lúa íase deitar despois de desexar as boas noites ós asteroides e demais planetas que habitan a inmensa tranquilidade do cosmos. Mais, repentinamente, escoita a alguén que está berrando. Quen pode berrar así?, pregúntase abraiada : “É a Terra, miña rula, sempre berra con temor”. Contéstalle algún outro planeta. E aló que marcha Lúa por ver se pode facer algo para remediar os males da Terra. E vaia se o fai : remedia as absurdas e inxustas discriminacións, os egocentrismos, os egoísmos e máis o espírito belicoso dos habitantes da Terra. Que máis se pode pedir?... Cunha linguaxe sinxela e en forma de pareados vainos contando Pepablo o doado que sería solucionar os problemas da xente utilizando sen máis a lóxica, a tenrura e o amor. Este conto “encantoume” precisamente pola súa sinxeleza, fino sentido do humor e abraiante frescura.. As ilustracións de Nuria Díaz contribúen, coas súas puras e xeometrizantes liñas e os seus trazos, enormemente expresivos, a dar, en grande medida, o ton sinxelo e humorístico que o libro transmite. Permitídeme rematar esta breve recensión con estes catro versos tirados do propio conto: “Imos para casa, amigos, Eu non quero xamáis guerra, Quero aloumiños Da xente que me queira”

Carmen Bar Cendón

______________________________

GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais,no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.