
XULLO 2020
Recomendamos:Irmá Paxaro de Tamara Andrés
Esta é a historia das irmás paxaro, aves únicas, “fillas iluminadas” nos espellos do tempo. Irmá paxaro é a recuperación dun abrazo. Trátase dunha personalísima e fermosa “disección da memoria”, un atreverse a pronunciar a palabra “ferida”, e unha vez pronunciada “recoñecer a dor para arrolala” para poder restituír o voo. Este libro de Tamara Andrés, publicado por Cuarto de Invernocon ilustracións de María Montes, ofrece un delicioso diálogo fantasmal cunha irmá perdida.
A casa da infancia das irmás paxaro é un universo propio cheo de privacións: “dende o centro neurálxico do corredor criámonos infinitas”, “construíamos novas casas no corredor durante o día”, “trenzabamos as tardes tras a fiestra do salón”. O ámbito doméstico adquire unha dimensión por veces carceraria, pois o mundo exterior representa unha prohibición: “a cancela que prometeramos non traspasar”. En contraposición a este lugar opresor está o exterior, o ceo aberto, o voo, as ás. Un libro aberto é un paxaro que estende as ás, e este poemario ten voo propio, a súa ferida é única e alcánzanos durante a lectura.
Neste proceso de restitución da infancia mediante a poesía é inevitable que cando as irmás paxaro xogan a ser estatuas pensemos nunha secreta irmandade con Alejandra Pizarnik: "La hermosura de la infancia sombría, la tristeza imperdonable entre muñecas, estatuas, cosas mudas, favorables”.
As irmás paxaro habitan un lugar que non lles permite levantar o voo e o poemario xoga coas “ás” como elemento semántico de dobre fío. Por unha banda é o que propicia o voo da liberación mentres que pola outra é algo afiado e cortante que separa e fere. Unha vez máis aparece a ferida, a dor da separación: “o coitelo ancora no ventre, desprega as ás -paxaro- e desgarra”.
A ausencia dos pais, que aparecen nun segundo plano, dota ás irmás paxaro dun espazo propio e singular que se agranda nesta recuperación da memoria como vínculo fraterno que, como dixemos, é “ferida” pero tamén “vexetación recuperada”, pois a infancia aquí é un xardín “desatendido” ao que se regresa para tecer unha nova orde conquistada mediante a linguaxe. O ser humano é un animal que se cura falando e a memoria regresa voando á casa das palabras perdidas.
O verso “Recoñecer a dor para arrolala” condensa o espírito dun poemario que é un berro para arrincar do ventre o coitelo da nostalxia, unha sanación para que ela, a outra á do voo, a outra parte da historia, a irmá paxaro, recupere a súa voz perdida a través do abrazo das palabras.
Iria Collazo López / Diego Alfonsín Rivero
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha recensión feita por algún socio para a sección Este libro encantoumeda OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das secciónsaquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog(bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas recensións para esta sección, non dubides en nos contactar.

Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.