
XANEIRO, 2018
Recomendamos: Os nenos da varíola,de María Solar.
Carlos IV subvencionou a Real Expedición Filantrópica da Vacina, que partiu do porto da Coruña o 30 de novembro de 1803 co liderado do doutor Francisco Javier Balmis. Esta empresa inicia o proceso de erradicación da varíola (declárase finalizado en 1980), e foi posible grazas a un descubrimento científico: as persoas que estiveran en contacto cunha variante suave da enfermidade sufrida polas vacas, respondían de forma leve á enfermidade; en consecuencia, decidiuse inocular esta variante-vacina nos humanos. Naquela altura, para manter a vacina en activo precisábanse nenos de curta idade aos que írllela transmitindo: cada dous días “infectaban” a dous rapaces, e así conseguían facerlla chegar a novas poboacións. A Expedición Balmis prolongarase ata 1814, e espallará a vacina da varíola —nese momento unha enfermidade letal— por terras americanas e asiáticas cunha gran eficacia. Este suceso histórico constitúe sen dúbida un material novelesco extraordinario e de grandes posibilidades narrativas. A autora decide achegárnolo a través da vida e da voz dalgúns dos protagonistas, deses vinte e dous rapaces escollidos nos hospicios de Madrid, A Coruña e Santiago que viaxarán na corveta María Pita ata terras americanas. As vivencias destes mozos—sobre todo de Ezequiel, Clemente de la Caridad e Tomás— humanizan a aventura e a fazaña, pero tamén nos achegan a súa época: a forma de vida e as severas necesidades, a vida cotiá nos hospicios (a fame, a amizade, o namoramento, a superación persoal, a lealdade), a dura situación económica (que obrigaba a moitas nais a deixar os fillos na porta dos orfanatos) ou a situación da muller, reflectida sobre todo nas figuras de dona Isabel Zendal (reitora do hospicio), Candela (unha ama de cría) e as monxas. Nun segundo plano aparecen temas habituais nos autores ilustrados da época que completan o contexto: a bondade e a maldade humanas, a importancia da educación ou a ciencia fronte á superstición. A brevidade dos capítulos e o uso do diálogo —a través do que se caracterizan e individualizan os personaxes (a filantropía do doutor Posse, os prexuízos da irmá Valentina…)— constrúen e reforzan un ritmo narrativo áxil moi acaído para os feitos tratados e para os lectores aos que se dirixen. O suceso histórico aparece ben novelado, e os personaxes resultan cribles en todo momento. A autora, nunha decisión final moi acertada, non pecha totalmente a historia, facendo que os personaxes da ficción podan ter vida na mente do lector máis alá do evento histórico. É esta unha obra histórica, de aventura e iniciación moi recomendable.
Mayte Leis Rey
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais,no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.