
Setembro 2022
RecomendamosContos de seudeXosé Tomás
Xosé Tomás Díaz Teijo é un prolífico autor que ten desenvolvido a súa actividade no eido da ilustración e do humor gráfico, A maioría da súa obra vai dirixida ao público infantil e xuvenil. Galardoado en numerosas ocasións é ademais profesor de ensino secundario. Na obra que nos ocupa, “Contos de seu”, Xosé Tomás fai gala da súa mestría na banda deseñada e adéntranos na realidade dun país, dunha terra poboada por individuos con costumes e características particulares. Lévanos sutilmente a un mundo imaxinario pero tamén real, coas súas consabidas peculiaridades paisaxísticas, antropolóxicas e lingüísticas. Desvélanos os segredos desta nai común, chamada Galiza, depositaria de vellas tradicións, costumes e crenzas que conforman a alma do pobo. Envurullados polo misterio, a brétema e os soños.
Resoltos e destemidos ante supersticións, crenzas e mitos, os protagonistas destes contos poden considerarse vítimas inocentes dun cruel destino, e reflicten dun xeito maxistral a dura realidade de certo modo de vida tradicional xa esquecido que aínda latexa no subconsciente colectivo. A supervivencia é o principal fío argumental ao que deberan enfrontarse os personaxes. Nalgúns casos o autor vai desvelándolle ao lector a través das viñetas certas chaves para que sexa finalmente el o que decida en que dirección xiralas. Deste xeito, o autor, recoñece e fai partícipe ao público lector dun desenlace que pode ter múltiples finais.
Mediante a banda deseñada e guiado pola luz dun candil, Xosé Tomás, tómalle o pulso a Ánxel Fole, nunha sentida homenaxe que tan só pretende convidarnos ao universo máxico do grande narrador. Réndelle, pois, o seu respecto e admiración con deseños animados que unhas veces calan e outras asustan, soñan, valoran e percorren os universos infindos do ilustre fistor.
___________________________
GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI . Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborarcoas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.

Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.