
SETEMBRO, 2017
Recomendamos: Nunca mascotas, de Paula Carballeira.
Nunca mascotas encantoume porque é un libro de poesía cuxos protagonistas son os animais. Iso e moito máis. Paula Carballeira ofrécenos vinte e catro poemas, con múltiples niveis de lectura, que se converten en chamadas á reflexión sobre sobre a nosa relación co mundo animal do que, aínda que ás veces o esquezamos, tamén formamos parte. Que acontecería ao cederlle a voz aos animais cos que convivimos? Que nos dirían aqueles os que tememos, rexeitamos ou observamos a distancia? Estas preguntas, e outras moitas, activaranse coa lectura dunha obra que enfrontará o lectorado xuvenil, e tamén o adulto, á análise sobre as relacións entre seres humanos e animais. Polas páxinas de Nunca mascotas corren ratas, voan andoriñas, choutan pulgas, zoan moscas... e nos apelan, libres e salvaxes, para que comecemos a ollalas doutro xeito. Por iso, trala lectura destes poemas a nosa ollada faise máis ampla e xa resulta imposíbel vernos –unhas a outros, outras a uns– tan diferentes.
Antía Marante
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais,no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.