
MAIO 2020
Recomendamos: Dez gatiñas viaxeiras de Eva Mejuto
As dez gatiñas viaxeiras, da autoría de Eva Mejuto (texto) e Víctor Rivas (ilustración), é un álbum ilustrado para as primeiras lecturas, pero non só. Nada máis abrir a primeira páxina descubrimos que tanto o texto como as ilustracións buscan un público que goce da lectura visual sen importar a idade. A quen lle gusten os contos, a canción tradicional, as gatas, viaxar e, sobre todo, rir vai encontrar neste volume a historia adecuada. Esa que nos narra as aventuras e desventuras de dez gatiñas inquedas e algo rebuldeiras, pero, ás veces, tamén un chisquiño desastrosas. Unha historia universal, con base na tradición oral, que nos achega ás nosas propias emocións con factores diversos e espazos moi próximos.
As gatiñas van desaparecendo en circunstancias moi cómicas e ofrécenos estratexias necesarias para enfrontar situacións complexas. O humor é a ferramenta precisa para intrigarnos e querer pasar as páxinas para continuar a viaxe a canda as gatiñas revoltosas. Ademais, as ilustracións agasállannos unha lectura visual con mil universos por descubrir en cada páxina.
É moi recomendable non só o conto en si mesmo, senón tamén os mundos referenciais que constrúen, no seu conxunto, unha narración coa que riremos sen final e que nos presenta perspectivas interesantes para a rapazada. Acompañemos as gatiñas viaxeiras nas súas andanzas porque xa están á nosa espera para contalas e/ou cantalas!
Eli
Ríos
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha recensión feita por algún socio para a sección Este libro encantoumeda OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das secciónsaquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog(bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas recensións para esta sección, non dubides en nos contactar.

Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.