Este libro encantoume (maio 2018)

MAIO, 2018

Recomendamos: A señorita Bubble , de Ledicia Costas.

Nunha vila calquera dun país calquera, dúas nenas, unha de 9 anos, Noa, e a súa irmá de 6, Sofi, van

a cotío a unha escola onde as persoas que se supón que están alí para formalas con agarimo e ensinarlles a vivir neste mundo creándolles incentivos para, unha vez coñecido, tenten transformalo nun lugar atractivo e máis habitable, son en realidade unas bruxas rosmonas e desagradables que só semellan odiar aos nenos e nenas e que, moi lonxe de querer facerlles amar a lectura, como sería o propio dunha bibliotecaria ( e aquí debo confesar o meu desgusto, por ter sido unha bibliotecaria que realmente AMABA a súa profesión), semella que o único que pretenden é que as nenas e nenos refuguen xa non só dela, senón tamén desa deprimente escola que os “non acolle” no seu día a día… Mais un día as pequenas deciden fuxir desa escola abafante e será daquela cando o feliz encontro coa señorita Bubble cambiará por completo xa non só as súas vidas, senón tamén ás dos habitantes (nai e pai incluídos) do pobo onde viven. Miss Bubble, a quen todos na vila chaman a bruxa comenenos, é en realidade unha dama inglesa de idade indefinida e aspecto estrafalario, enxeñosa, divertida, amable e cariñosa pero, por riba de todo, unha grande inventora ; os seus trebellos, prácticos e alucinantes van facer as delicias das dúas pequenas… Obra roaldhaliana ata a medula, está narrada cunha linguaxe vivaz, lixeira e desenfadada, dende a perspectiva dunha nena, pero que podería ser tamén a dun neno, coas idades das dúas protagonistas. Os mundos dos adultos e dos nenos, que transcorren en paralelo, non semellan chegar a cruzarse nunca. Sen utilizar en absoluto o didactismo, Ledicia (nome que, por certo, acáelle moi ben ó ton dos seus libros) está, sen embargo, dicíndonos que, de cando en vez, as adultas e adultos deberíamos abaixarnos e tentar contemplar o mundo dende a perspectiva daqueles. Moi diferentes haberían de ser as cousas daquela. O libro encantoume, lese dun tirón e é de agradecer ese final agridoce que nos deixa cun sorriso nos beizos. Fantásticas as ilustracións de Andrés Meixide. Axústanse perfectamente ás descricións da autora.

Carmen Bar Cendón

______________________________

GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais,no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.