
MAIO, 2017
Recomendamos: Poemar o Mar, de Antonio García Teijeiro
Poemar o mar completa a triloxía das obras poéticas dirixidas ao público infantil que Antonio García Teijeiro (Vigo, 1952) lle dedica ao mar, logo de En la cuna del mar (Ed. Creotz, 2015; ilustrado por Xosé Cobas) e Palabras do mar (Ed. Embora, 2015; ilustrado por Xosé Tomás). García Teijeiro móvese como peixe na auga (nunca mellor dito) no difícil xénero da poesía para nenos e nenas, ao que se leva dedicando arredor de tres décadas. Nesta ocasión preséntanos un mar no que todo é posible, un mar que soña, que sabe sumar pero non restar, que estraña o que non ten e borra o que lle sobra, que escribe poemas coas ondas na area e por cuxo interior corren ríos de auga doce, un mar que se marea coas ondas que o mexen e ten que tomar pílulas de algas para se curar. En Poemar o mar os personaxes reais alternan no protagonismo cos lendarios ou os fantásticos, e así atopamos capitáns de barco, veleiros, sereas, gaivotas e andoriñas, piratas, nenos mariñeiros… como elementos centrais de cada un dos poemas, nos que se pasa tamén da forza evocadora do imaxinario («Eu gardo no meu armario / diversas clases de mares: / uns, con ondas amarelas / ou sen elas, /quen o sabe!») á contundencia do descritivo («Escoitades? / Ronca o mar / alá moi lonxe / e as gaivotas voan tolas / pola liña do horizonte»), ou mesmo á mensaxe reivindicativa ou de denuncia («O mar / anda murcho / e teme dicir / que o lixo dos homes / o quere ferir»). Xogos léxicos («Ten só tres letras / o MAR / mais se lle damos / un bico / medra / sorrí / e aparece / o verbo aMAR») e conceptuais («Os ollos das nenas / reflíctense no mar. / Neles míranse, presumidos / moitos peixes»), repeticións («Danzar co MAR / Brincar co MAR / Bicar o MAR / Calar sen MAR / Chegar ao MAR / Voltar do MAR / Amar o MAR […]»), pareados («[…] quere flores / de colores / quere rosas / olorosas / quere ovellas / sen orellas / quere gatos / con zapatos / quere festas / con orquestras […]»), versos encadeados («Gaivotas no mar: veleiros. / Veleiros no mar: escumas. / Escumas no mar: fervenzas. / Fervenzas no mar: a chuvia») e outro tipo de repeticións («Do / re / mi / fa / mar / eu non sei nadar […] si / fa /sol / re / mar / sabedes vogar?»), creacións léxicas («Atopei / unha palabra / que rima / co sorriso do mar: / sorrimar»)… son algúns dos recursos formais dos que se serve o autor para darlle forma a este libro, no que tamén atopamos estruturas recoñecibles como os haikus («Métese o mar / no peto dunha noite / chea de estrelas») ou fórmulas próximas á greguería («Cando lle dixeron ao mar / que tiña a tensión alta, / quixo deixar o sal / e converteuse nun estanque»). O mar de Poemar o mar preséntase como un espazo máxico no que as palabras baten en nós coa cadencia, a perseveranza e a intensidade das ondas. Ademais, nas setenta páxinas do libro podemos encontrar máis de trinta ilustracións de Xan López Domínguez, practicamente unha por cada poema, todas elas dotadas do mesmo onirismo e da mesma forza expresiva que a parte textual. En definitiva, unha suxestiva proposta tras a que, cando rematemos a singradura, arribaremos a porto co cabelo despeiteado polo vento mareiro e cun intenso sabor a salgado nos beizos.
Héctor Cajaraville
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais,no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.