
FEBREIRO 2020
Recomendamos:Lúa en Ninguresde Beatriz Maceda
Unha historia conmovedora no sentido etimolóxico da palabra, porque nos fai reaccionar e empatizar coas sensacións que experimentan os millóns de persoas que “sobreviven” nos campos de refuxiados.
Lúa, a nena protagonista, será os nosos ollos, os nosos oídos e ata o noso corazón nesa terra de ninguén, e ao mesmo tempo de todos, que é Ningures. Con ela iremos descubrindo a realidade dunha existencia gris, que só as nenas e nenos son quen de encher de cor ao careceren da bagaxe vital que, en demasiadas ocasións, constrúe camiños cara á desesperanza.
A Lúa, e mais a todas as rapazas e rapaces que viven en Ningures, roubáronlle o dereito a gozar dunha infancia que xa non vai poder recuperar. Viuse na obriga de medrar de golpe para tratar de entender o que agochan as miradas baleiras da súa familia e o significado de certas palabras que non deberían formar parte do seu vocabulario cotián. A sensación de perda pesa coma unha lousa, pero non se trata dun padecemento pola privación dos bens materiais, senón do sufrimento que provocan a incerteza e os afectos que deixou atrás… a Lúa arrincárona dos brazos do avó, da terra de seu, do mundo que coñecía dun día para outro e, coma a ela, ás restantes nenas e nenos. Imán, outra nena de Ningures, achégalle a enerxía que precisa para superar o impacto que lle produce chegar a un “campamento que só ulía a desesperanza”, tal e como a propia Lúa afirma no texto. A enfermidade, a morte, e os testemuños doutras rapazas e rapaces crean lazos de solidariedade indestrutibles entre os máis pequenos nese mundo cruel, en que a literatura logra que se levanten cada vez que caen grazas á forza das palabras d’O Principiño, que o avó de Lúa lle regala, e a crearen unha pequena editorial para lles levar aos demais nenos do campamento a ilusión e a alegría de vivir a través dos libros.
Moi recomendable a lectura desta necesaria e magnífica obra de Beatriz Maceda, que atopa, nas suxestivas e atractivas ilustracións de Laura Veleiro, o complemento perfecto.
Irene Penas
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoumeda OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das secciónsaquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog(bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.