Este libro encantoume (decembro 2019)

DECEMBRO 2019

Recomendamos: O grupo de An Alfaya.

Encantoume O Grupo porque é un libro no que a autora An Alfaya expresa xa dende a dedicatoria cales son as súas intencións,solidarizarse con aquelas persoas que son vulnerábeis, e como pese a todo son quen de resistir e medrar na adversidade.

Comeza a novela contándonos quen é Sandra, unha psicóloga e traballadora social,que coordina un grupo de cinco adolescentes no Centro Cívico do seu barrio,todos eles teñen problemas de integración social e autoestima. Unha vez a semana acoden a un encontro con Sandra, seguindo o consello de persoas que os queren.

A través dos protagonistas, a autora nos irá relatando as eivas da sociedade con aqueles que padecen discriminación.

Antón sufre polo seu aspecto físico e busca amaneira de fuxir do seu problema atopando refuxio na escuridade dun cine ou do seu cuarto.

Carla é unha moza loitadora e reivindicativa que vive a violencia de xénero na súa propia casa.

Amina,unha moza marroquina, soporta estar discriminada por ser doutro país, por ter outros costumes…

Runa está postrada nunha cadeira de rodas, ela sabe o que é depender dos demais no día a día para moverse por unha cidade chea de barreiras arquitectónicas.

E por último Nico, a orixe da súa discriminación é a súa orientación sexual.

Sandra pretende que os cinco se sintan cómplices do proxecto,nun espazo de liberdade, de medre persoal e sobre todo de respecto as diferenzas, sabe das dificultades de expresar emocións propias, e o difícil que é superar as barreiras e verbalizar os conflitos; ela mesma debido a unha ferida aínda sen resolver sintese insegura e dúbida con respecto a capacidade profesional para levar o Grupo, pero pese aos seus medos,considera que o esforzo pagara a pena e quere intentalo.

An Alfaya é unha autora que escriba o que escriba os seus textos sempre teñen un forte compromiso social, forma parte da súa identidade,contando fondas e reflexivas historias cheas de emocións, non dorme na comodidade, e sempre está buscando un cambio na percepción da realidade dunha maneira amena, ben construída é lírica.

Helena Pérez Fernández

______________________________

GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoumeda OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das secciónsaquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog(bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.