Este libro encantoume! (abril 2022)

Abril 2022

RecomendamosO país da choivadeMiguel A. Alonso Diz, con ilustración deXosé Tomás

Se digo que calquera temática ten cabida na LIX actual poucos estarían en contra. A literatura infantil e xuvenil acadou hai tempo a madurez suficiente para achegar aos lectores e lectoras os temas máis diversos. E neste caso, que mellor que falarlles da súa cultura ou cando menos dunha parte, da súa lingua. O galego, que foi quen de superar os momentos máis escuros, semella agora mesmo abandonado polo seu pobo. O número de falantes descende de forma alarmante e quen máis e quen menos ten as súas dúbidas de se chegará ao final deste século. E sobre isto quere falarlles Miguel Anxo Alonso aos máis cativos.A través da ollada inocente de Fonso e de Rosalía, (cada nome do libro está moi ben elixido), o autor amosa a despreocupación pola perda da nosa riqueza lingüística.

Como se dunha novela de misterio se tratara a trama nos leva, pouco a pouco, a tentar descubrir a causa do cambio na forma de falar dos habitantes da vila. Axudados de Antonio, o bibliotecario, os dous protagonistas tentarán debullar o porqué deste cambio mentres xermola a súa historia de amor, ese primeiro amor que todo cambia.

Editado con agarimo por Antela e cunhas fermosísimas ilustracións de Xosé Tomás, O país da choiva é máis que unha obra áxil que enganchará aos lectores, é unha obra necesaria. Se non queremos que o galego quede simplemente como unha nota a pé de páxina nos libros de historia cómpre que os rapaces coñezan o problema. Que a lingua dos seus devanceiros permaneza viva depende, por suposto, deles.

Xavier Estévez

______________________________

GÁLIX publica cada mes unha recensión feita por algunha ou algún dos socios para a sección Este libro encantoume da OEPLI . Todos os meses poderás ver neste blog as recomendacións de Literatura Infantil e Xuvenil en galego e na web da OEPLI as propostas das asociacións dos diferentes ámbitos lingüísticos que forman a organización. Se queres colaborarcoas túas recomendacións, non dubides en nos contactar.