
ABRIL 2020
Recomendamos: Os ecos do lume de Anxo Fariña
Días despois de ler Os ecos do lume, o resón das súas palabras volve axitar a mente das persoas que o leron. Ese mergullo no mundo subterráneo que o autor nos ofrece para falarnos de ecoloxía, de incomunicación, de egoísmo, de amizade, de amor... é tan intenso que o mesmo libro semella ser unha pequena pedra que cae na superficie líquida das nosas emocións. O impacto da súa lectura provocará unha serie de ondas concéntricas que nos obrigarán a repensar a nosa relación co planeta, coas persoas ás que queremos e coa tecnoloxía. Os ecos do lume é a viaxe iniciática dunha adolescente de doce anos que olla o mundo a través do móbil. Porén, a súa pasividade terá que dar paso a unha nova actitude se de verdade quere salvar a terra na que vive, o seu irmán e a si mesma. Como Alicia no país das marabillas, a moza protagonista meteranos por un buraco a través do cal observaremos a realidade máis aló das aparencias. Descubrirá que, ás veces, a diferenza depende do punto de vista, e que os monstros podemos ser nós, e non os demais. Con ela e os habitantes introterrestres cruzaremos ao outro lado do espello para comprender que o universo no que vivimos é unha arañeira onde todos os seres estamos conectados.
Álex Mene
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha recensión feita por algún socio para a sección Este libro encantoumeda OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das secciónsaquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais, no noso blog(bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas recensións para esta sección, non dubides en nos contactar.
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.