Día Internacional do Libro Infantil en galego 2026

Cada ano desde 1967, a Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY) impulsa a celebración do Día Internacional do Libro Infantil (DILI) o día 2 de abril, coincidindo coa data do nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. O seu obxectivo é animar a lectura entre a cativada e promover a publicación de bos libros infantís e xuvenís.

Dende Gálix unímonos a esta conmemoración e facémolo salientando o importante papel que ten a literatura infantil e xuvenil (LIX) na nosa lingua no crecemento e desenvolvemento das crianzas.

Co gallo de celebrar o Día do Libro Infantil en galego, presentamos o cartaz creado por María Lires e o manifesto escrito por María Solar. Xuntos simbolizan o poder emancipador dos libros e a imaxinación, invitándonos (sexamos crianzas ou xa non) a soñar sen límites.

Manifesto de María Solar para GÁLIX

Hai libros que se roen, se mastigan, se esfolan. Son libros gordiños e de poucas páxinas. Libros con escasas palabras, pero importantes: un dous tres catro, peixe sapo, carneiro, beeeeee, muuuuu, arriba e abaixo. Hai libros que son para ler en alto, para contar antes de durmir con papá ou mamá facendo todos os personaxes. Que grandes actores somos nesta casa!

Hai libros cos que explicar cousas tristes, como o que lle pasa á avoa cando perde as palabras ou de onde saíu o irmanciño novo. Hai libros que son a vitoria máis grande nunca conseguida!! Porque xa os liches sen axuda! Xa sabes ler!!

Hai libros con nomes coma o teu… Xoana, Maruxa, Antón e que pasan en sitios que están preto de ti: Lugo, o monte do Pindo, a praia do Orzán. Hai libros tristes e outros felices, rápidos e lentos, serios e divertidos.

Hainos de persoas que existiron e, outros, de personaxes inventados, hainos que son teatro, hainos que cantaruxan porque son poesía. Moitos deles morrerán en acto de servizo, daranse ou acabarán no lixo cando o cuarto pase a ser de maiores. Non hai libros máis altruístas. Pero sabede que non se perden, porque estes libros, cando saen dos andeis, xa están metidos nas células, amarrados ao ADN de quen os leu. Forman parte das persoas adultas que serán.

No Día do Libro Infantil e Xuvenil, GÁLIX reivindica que o 2 de abril sexa en Galicia, o Día do Libro Infantil e Xuvenil en galego. É o recoñecemento á literatura e aos libros que afianzan a nosa cultura, que levan a lingua de noso a quen aínda a está mamando. Que hai que queramos máis que aos nosos nenos e nenas? Alimentémolos en galego!

Para todas e todos vós, grandes e pequenos, actores caseiros, mastigadores de libros e vencedores que xa sabedes ler…

Feliz Día do Libro Infantil e Xuvenil en galego!

Descarga aquí o manifesto

* Imaxe do cartaz do DILI 2026 feito por María Lires

Entradas relacionadas

Non se atoparon novas...