Cuestionario Lamote – Raquel Fernández

Raquel Fernández; chef, empresaria, escritora e socia número 440 de GÁLIX, responde ao Cuestionario Lamote.

 

Cal foi o motivo que te levou a asociarte a GÁLIX e apoiar este proxecto?

O meu desenvolvemento nos derradeiros anos como autora na LIX faime consciente da importancia da súa promoción.

Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?

Outros autores comprometidos co proxecto.

Que libro marcou a túa infancia e a túa mocidade?

Sen dúbida, Astérix e Obélix.

Dinos un libro de literatura infantil ou xuvenil que consideres imprescindible

Memorias dun neno labrego.

Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificada/o?

Co Balbino de Neira Vilas, eu tamén son un ninguén.

A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños?

Buff, que difícil é esta cuestión. Pois quizais, Blanca Millán, Laura Romero ou Iván R. Castro. Négome a dar só un nome.

Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego

Como fortaleza destaco a alta calidade de autores e ilustradores. Como debilidade, claramente, o baixo uso do galego como lingua.

Dende que te vinculaches á LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución?

Vexo moita ilusión, talento e xente con ganas de mellorar a situación da LIX.

Cal consideras que é o grado de coñecemento e respecto pola LIX galega?

Penso que é bastante mellorable. Colexios e institutos fan bastante bo traballo pero falta compromiso por parte da Administración.

Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia

Creo que calquera iniciativa ten que ir da man da promoción do galego como lingua. As bibliotecas teñen que converterse en abeiros para a LIX con actividades continuas neste sentido, ademais, a implicación dos concellos cos clubes de lectura debe ser moito maior. En canto á proxección fóra de Galicia, a coordinación con outras asociacións de promoción da LIX paréceme esencial.

 

Moitas grazas, Raquel e benvida a GÁLIX!