Cuestionario Lamote – Beatriz García Turnes

Beatriz García Turnes; catedrática de ensino secundario, investigadora do Centro Ramón Piñeiro e socia número 437 de GÁLIX, responde ao Cuestionario Lamote.

 

Cal foi o motivo que te levou a asociarte a GÁLIX e apoiar este proxecto?

Aínda que o meu carácter tímido me leva a limitar a participación en iniciativas colectivas, son consciente da importancia que estas teñen. GÁLIX, en concreto, coido que fai un labor imprescindible na visibilización da LIX galega e na promoción da lectura na lingua de noso.

Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?

Entre outros, meus pais, que dende nena me animaron a ler e escribir en galego..

Que libro marcou a túa infancia e a túa mocidade?

Un só? Imposible elixir! Teño que citar polo menos A historia interminable de Michael Ende e As flores radiactivas de Agustín Fernández Paz, coa que descubrín que en galego se podían escribir/ler aventuras como as que eu atopaba habitualmente nos libros en castelán. Pero tamén as obras de Maria Gripe, A fuxida de Katherine Lasky, a triloxía En un lugar llamado Tierra de Jordi Sierra i Fabra...

Dinos un libro de literatura infantil ou xuvenil que consideres imprescindible

Aos citados na pregunta anterior eu sumaría o álbum ilustrado Chocolata, de Marisa Núñez e Helga Bansch.

Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificada/o?

Gustaríame ser coma Chocolata.

A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños?

Xela García Caballo.

Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego

A fortaleza é a calidade, cantidade e variedade de obras producidas; a debilidade é a súa distribución e a súa invisibilización (librarías, medios de comunicación ou redes sociais con máis seguidores...).

Dende que te vinculaches á LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución?

Ampliouse o número de autores e, consecuentemente, tamén a variedade de propostas, de temáticas ou de rexistros.

Cal consideras que é o grado de coñecemento e respecto pola LIX galega?

Creo, pero é unha impresión se cadra non moi fundada, que nos ámbitos especializados ten un recoñecemento maior ca entre o público xeral.

Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia

Acordos cos libreiros (tamén das grandes cadeas) para levala aos escaparates e aos lugares máis visibles das librarías e unha maior relación con asociacións e editoras do País Vasco e Cataluña para fomentar a tradución entre as nosas linguas, sen ter que pasar necesariamente pola proxección e o filtro do castelán.

Moitas grazas, Beatriz e benvida a GÁLIX!