
Cal foi o motivo que te levou a asociarte a GÁLIX e apoiar este proxecto?
Penso que GÁLIX fai un labor non só interesante senón tamén necesario, e quería poder formar parte dela a través das actividades que organiza e das ideas para axudar a visibilizar a literatura infantil en galego.
Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?
Os meus pais sempre tiveron moitos libros de LIX e, no momento en que estudei, tamén na escola os profesores me alentaron con lecturas variadas, tanto para ler pola miña conta como na aula, que posteriormente traballabamos con actividades entretidas.
Que libro marcou a túa infancia e a túa mocidade?
Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz.
Dinos un libro de literatura infantil ou xuvenil que consideres imprescindible
Chamádeme Simbad de Francisco Castro.
Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificada/o?
Non sabería dicir se identificada é a palabra, pero Tonecho de Rebordechao de Breogán Riveiro, aínda levando unha vida moi diferente á súa, transpórtame á infancia.
A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños?
Jacobo Fernández Serrano
Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego
A maior fortaleza son as boas historias que, ao meu parecer, se están publicando e, tamén, a gran calidade coa que se editan. E a debilidade diría que está relacionada coa perda de galego-falantes na infancia.
Dende que te vinculaches á LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución?
A miña vinculación é relativamente recente, mais si que noto que cada vez hai maior presenza de literatura infantil en redes, así como dos seus autores. Penso que isto consegue un trato máis próximo co lector, podendo poñerlle cara ás persoas que están detrás das páxinas do libro.
Así mesmo, tamén vexo moita variedade de libros para todo tipo de gustos, facendo máis sinxelo que os cativos se interesen pola lectura.
Aínda que, por outra banda, paréceme que cada vez son menos os que len en galego.
Cal consideras que é o grado de coñecemento e respecto pola LIX galega?
Non tanto como se debería. Penso que para conseguir o respecto e visibilidade que merece, falta traballar máis como equipo, dende o autor/a, pasando por librería, institucións e profesorado, entre outros.
Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia
Máis presenza dos autores galegos en librerías e máis actividades para fomentar a súa lectura. Tamén nas escolas, crear hábito lector. Máis presenza en medios de comunicación, tanto radio, televisión, redes… Como en feiras de libros e actividades en Galicia e fóra dela. Así como fomentar traducións para levar os nosos libros a outras comunidades.
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.