A Xanela de GÁLIX. Xoán Babarro

XOAN BABARRO

NOTA AUTOBIOGRÁFICA

Sábese que nacín no lugar de Calvelo (parroquia de Zorelle e concello de Maceda) en 1947, que estudei Maxisterio e Filosofía e Letras, que fun mestre de Primaria e catedrático de Lingua e Literatura Galega de ensino medio, que fixen a tese de doutoramento sobre o galegoasturiano, que entrei oficialmente na literatura infantil co conto Zoca zoqueira (primeiro premio no Concurso “O Facho” de 1974), que colaborei na revista Vagalume , que dirixín a colección “O Trolebús” da Editorial Casals etc. Pero neste apuntamento quero ter un pequeno recordo para as vivencias literarias da infancia.

Aprendín a ler na escola unitaria mixta que tiñamos en Calvelo. Alí accedín a textos de autores en castelán (Tomás Allende, Germán Berdiales, Juana de Ibarbourou, Alfredo Marqueríe, Rafel Morales, Amado Nervo...) e tamén ás impactantes narracións bíblicas (Sansón, Goliat, Xosé, Moisés, a súa vara máxica...), coma en moitos centros da época. Pero, a maiores, no medio rural contabamos daquela cunha escola paralela, a da cultura tradicional, onde ocupaba un lugar salientable o fenómeno literario (contos, lendas, adiviñas, cántigas, recitativos...). Estes textos, a miúdo de carácter iniciático, ofrecían unha temática moi variada:

  • Enredos para tomarmos
    conciencia do corpo durante a primeira infancia:

As cabras de Xan Barbeiro / todas van por un carreiro.Unhas brancas e outras negras / e outras monas das orellas.

  • Trabalinguas e recitativos
    para articular sen tomar alento:

Catro bois e catro vacas / soben carro costa arriba.Non hai home nesta terra / que catro veces o diga.

  • Letras asociadas a xogos:

–En que estás? / –En taburete. / –E que comes? / –Pan e leite.

–Darasme un pouquiño? / –Darei, darei... / –Baixa tu, que eu subirei.

  • Arremedos de animais:

Cacaracá! / Ponte na pa! / Fai un bolo! / Non comas todo!Deixa algún / pró San Pernil, / que o traio atado / por un cuadril!

  • Fábulas:

En mentes andabas no vrao de amieiro en amieiro“chirlo-merlo,

chirlo-merlo!”,

buscaraspanpróinverno [díxolle a formiga á merla].

  • Climatolóxicos:

Con dous que me faltan e dous que me empreste o meu irmao Abrilheichas de pór todas en chambaril [díxolle Marzo ao pastor que non lle cumprira co prometido].

  • “Reises”:

Esta casa caleada, / caleada de pemento,que por moitos anos vivan / os señores que están dentro.

  • Mnemotécnicas:

Ana, Rabana, / Rabeca, Susana,Lázaro, Ramos, / que en Pascua che estamos [sete semanas da Coresma].

  • Enigmáticas oracións:

Padrenuestro pequeniño, / polo ceo vai ruxindo, cantan galos, abren luces, / todos os santiños levan cruces.

  • Ensalmos:

Desadorméceme pé, / que te hei levar ó San Tomé;cun carriño de toxos / heiche queimar os ósos.

  • Réplicas:

[ –Merda! ] / –Cúmea, lápaa, chápaa! / Na túa boca se conserva.Pró teu burro non hai mellor herba.

  • E incluso esconxuros cun
    impreciso valor esotérico:

Neboaceira, putañeira, / vaite prá túa ribeira,que te espera teu irmao / cunha pela de manteiga. Esta literatura non só nos unía con formas de vida, senón tamén coa xeografía máis próxima:

E empezaron a correr detrás dil os cas de Calvelo... e os de Vilarellos... e os de Zorelle... e librouse por unha uña negra de que o engrampasen. E, cando se viu libre, dixo o raposo: “Ai, meus peciños pezás, se non forades vós, comíanme os cas. E o rabín rabás..., a tirar pra tras!”

Algunhas narracións, en particular as lendas, recreábanse en lugares concretos. Así, a da nena que descubrira o segredo confiado pola moura ía asociada ás prehistóricas casas dos mouros de Sancristovo, localidade natal da miña avoa materna:

– Mariquiña...! Mariquiña...!

–Nin Mariquiña nin Mariqueira,

que a Mariquiña está fervendo na caldeira!

Tamén podiamos unir estes pasatempos con determinadas persoas. Recordo aprender o conto das mil mentiras no Soto, na cociña da miña familia paterna, de boca do Nicanor do Carreiro da Fonte, un excelente contador:

Agora vouche contar / o conto das mil mentiras. / Polo mar andan as lebres / e polo monte as anguilas, / polos labrados os peixes / e polo mar as cotorlías. / Polo camiño de Allariz, / por onde os soldados van / encontrei un cabalo morto / por riba dun capitán. / A espuela tíñaa no peito, / a espada no calcañar, / e fun onda unha tendeira / que me fixese o xantar. / A tendeira iba na arada, / a vaca faguía o xantar, / a cadela varría a cociña / e a escoba iba lavar.

Aquelas vivencias dos primeiros anos, as relacións familiares e veciñais e o espazos paisaxísticos que me arrouparon durante infancia penso que marcaron dalgún xeito a miña obra literaria.