
Gloria Sánchez, que naceu en Vilagarcía de Arousa arredor do entroido de 1958, é mestra de ensino primario, especializada en lingua e literatura galega, francesa e audición e linguaxe.
Como escritora é unha das voces máis orixinais da literatura infantoxuvenil. Para Ánxela Gracián a obra de Gloria parte dunha perspectiva surrealista, mantendo un certo carácter de xogo e punto de vista infantil. Confésase moi influenciada pola literatura oral popular, e na súa obra é doado recoñecer esta oralidade, pero a súa escrita ten tamén moito de vangardista; desta mestura de tradición e vargarda xurde un estilo propio e noso.
Gloria Sánchez deuse a coñecer na súa faceta de poeta e dende que en 1990 recibira o premio Merlín por Fafarraios leva publicadas arredor de medio cento de obras, de poesía, narrativa e teatro, que foron traducidas a castelán, catalán, éuscaro, portugués, coreano ou Braille; e recibiron numerosos recoñecementos.
Gloria é, de sempre, unha persoa comprometida coa lingua e a cultura de Galicia que participou en proxectos de investigación e difusión do libro infantil como membro de GÁLIX e no Consello de Redacción de FADAMORGANA.
Foi a escritora homenaxeada na XII edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
Ti es a socia número 82. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?
Cando comecei publicaba con Xerais. Daquela Miguel Vázquez era codirector da Colección Merlín. El faloume da entidade e animoume a entrar.
2. Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?
A miña teima e o feito de crer no que estaba a facer.
3. Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?
Varios. Un de cabeceira, non o hai.
4. Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?
Foino para min, “Memorias dun neno labrego”
5. Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificada?
Anaquiños duns, factores doutros. En esencia con ningún, nin tan sequera cos dos meus libros.
6. A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños?
Para os meus textos confórmome con alguén que saiba debuxar. Que saiba ler. Que teña un mínimo de empatía coa infancia. Con respecto aos meus soños, estes pastan noutros prados.
7. Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
A maior fortaleza, os autores e autoras. O perigo son os marcos que lle poñen, que en certa maneira poñémoslle nós tamén, correndo o risco de converterse nunha endemia que pereza por falta de osíxeno.
8. Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
Cantidade e calidade.
9. Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
O que outras disciplinas minoritarias.
10. Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.
A pregunta do millón. Hai anos diríache máis de dúas. A día de hoxe,
non o sei. Só me quedan como referente necesario e imprescindible
os autores e o seu grao de independencia e liberdade para escribir.
Ademais das obras individuais, publicou algunhas obras en colaboración:
Destacamos entre os seus libros:

Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.