
David Pintor, A Coruña, 1975.
Ilustrador, humorista gráfico, caricaturista e pintor.
Socio nº 317 de GÁLIX
É o ilustrador do dúo de humoristas gráficos galego Pinto & Chinto.
Colabora en múltiples ámbitos relacionados co deseño, a moda ou a publicidade.
Como ilustrador e autor de literatura infantil leva publicado numerosos libros e recibido moitos premios:
Ti es o socio número 317. Por que te asociaches a GALIX e continúas apoiando este proxecto?
Asocieime no seu momento porque pensaba que se o feito de que os ilustradores estivesemos representados nunha asociación coma esta serviría para que o noso traballo fose máis valorado dentro da LIX en Galicia
Que ou quen che axudou a achegarte á LIX galega?
Eu cheguei á LIX dende o humor gráfico por curiosidade e descubrín un espazo moi interesante onde había posibilidades de experimentar a nivel visual e de expresarme como artista.
Que libro marcou a túa infancia ou a túa mocidade?
Eu, como moitos ilustradores da miña xeración, accedimos á LIX a través dos cómics, pero se teño que elixir un libro podería ser os de Pippi Långstrump. Tódolos nenos soñábamos con ser Pippi, e eu aínda hoxe sigo queréndoo.
Un libro de literatura infantil ou xuvenil galego que consideres imprescindible?
Jacobo Fernández Serrano é unha das mellores cousas que lle pasaron á LIX galega nos últimos anos. Sinto debilidade por todo o que fai, pero os seus libros de Marco Pola son auténticas xoias.
Con que personaxe da nosa LIX te sentes máis identificado?
Con Archimboldo Roque.
Hai moitas cousas por facer, encamiñadas principalmente a que os autores se sintan valorados aquí e non teñan que emigrar.
A que ilustradora ou ilustrador galego escollerías para poñer imaxes aos teus soños ?
Hai moitos ilustradores galegos que teñen acadado un nivel altisimo e que poderían ser os que creasen os universos visuais mais interesantes da LIX en Galicia. Jacobo F. Serrano, Julia Lago, Carlos Arrojo, Jacobo Muñiz, Jano, Martin Romero, Natalia Umpierrez, Martín Romero, Marc Taeger, Brandariz, Robledo, Roberta Vázquez, Berto Fojo, e moitos máis…
Sinala a maior fortaleza e a maior debilidade do libro infantil e xuvenil galego.
A maior fortaleza podería ser a da calidade dos autores (escritores e ilustradores) e a maior debilidade podería ser a de non coidar a todos eses autores.
Dende que ti te vinculaches ao LIXG ata a actualidade, que cambios destacarías na súa evolución
Aumentaron o número de editoriais e a calidade en xeral das edicións, pero os problemas de fondo seguen a ser os mesmos. O sistema editorial galego segue tendo problemas estruturais silenciados que impiden o seu desenvolvemento
Cal consideras que é o grao de coñecemento e respecto pola LIX galega?
Esta é unha pregunta moi difícil de contestar sen ser inxusto. Hai de todo. Podo dicir que nos máis de 30 anos que levo como ilustrador de LIX encontreime xente marabillosa que valora enormemente o noso traballo pero tamén a xente que o despreza sen ningún tipo de vergonza.
Apunta un par de iniciativas necesarias para promover a lectura de libros infantís e xuvenís galegos e para conseguir unha maior proxección fóra de Galicia.
Hai moitas cousas por facer, encamiñadas principalmente a que os autores se sintan valorados aquí e non teñan que emigrar. Por exemplo:
- Análise do papel dos concursos literarios en Galicia en especial atención á composición dos xurados e redacción das bases.
- Replantexamento de congresos, mesas redondas, salóns, xornadas, etc…para romper a homoxénea visión que sae de todas estas actividades. Hai que abrir portas a novas visións que enriquezan o debate no sector de cara a revisar dunha maneira honesta a historia da literatura galega dos últimos anos.
- Transparencia e debate acerca das axudas publicas ao sector literario galego.
- Potenciación dos autores profesionais como principal piar da literatura galega.
- Creación dunha oficina pública de defensa do autor a nivel legal.
- Instauración a nivel editorial dun contrato marco que evite cláusulas ilegais ou abusivas.

Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.