
Miguel Vázquez Freire
Perfil biográfico
Naceu en 1951 en Corcubión.
Estudou Filosofía e Letras nas universidades de Santiago de Compostela e Complutense de Madrid, licenciándose na especialidade de Filosofía. Exerceu como profesor de Filosofía. A súa traxectoria como docente non se limitou ao traballo na aula, senón que foi membro fundador da asociación de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e promotor do congreso de Pedagoxía da Imaxe Pé de Imaxe.
Comezou a traballar no eido da literatura para a infancia dirixindo unha revista infantil en Madrid, que inicialmente se ía chamar El Tobogán e acabou publicada en forma de libro co título xeral de Escocuentos.
Dirixiu a revista Golfiño e foi codirector da colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia.
Colaborou e colabora como crítico e comentarista de literatura infantil en diversas publicacións, como Fadamorgana (xa desaparecida), a Revista Galega de Educación (da que forma parte do Consello editorial), Cuadernos de Pedagogía, CLIJ, El Urogallo e nas páxinas culturais e educativas de La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Foi coautor dos textos educativos de Filosofía, da editorial Xerais, desde 1990 ao 2008, como membro do grupo de Didáctica da Filosofía Enxergo e Nexos.Tamén forma parte do Consello de redacción da revista Tempos Novos.
Nunha entrevista para Baía edicións, Vázquez Freire declara ter sido un lector compulsivo desde antes dos dez anos:
Limitareime a dicir que medrei emocionándome, coma tantos rapaces, coas novelas de aventuras de Dumas, Verne, Stevenson, Twain e H. G. Wells; fascinoume, sendo adolescente, a complexidade psicolóxica dos personaxes de Dostoievski e, un chisco tardiamente, os relatos e novelas de Jack London ao tempo que os clásicos da primeira ciencia ficción (Bradbury, Asimov, Clarke)”. (10/10/2014) Defensor apaixonado do valor didáctico da literatura infantil e xuvenil, é autor dunha vasta produción literaria destinada a adultos, á infancia e á mocidade, ademais das traducións ao galego de varios escritores europeos, que abranguen tanto textos clásicos, como O discurso do método de Descartes, como narrativa para nenos e adolescentes de Alvaro de Magalhaes e autores de banda deseñada, como os belgas Maurice Tillieux, Peyo e Francois Walthery.
Compre salientar así mesmo a publicación dun amplo abano de ensaios que responden tanto ao seu labor como profesor de Filosofía, escribindo textos para estudantes de Bacharelato e C.O.U. como outros nos que aborda temas de interese xeral no eido da política, os valores sociais e os dereitos humanos.
No ensaio Da Carapuchiña ao señor Lamote (2019, Xerais) están recollidos unha serie de textos publicados como artigos na Revista Galega de Educación entre 2006 e 2008. Neste libro, subtitulado Clásicos da literatura para a infancia e a mocidade, o autor fai un percorrido analítico por obras literarias que deberían formar parte da bagaxe literaria da mocidade e tamén dun lector adulto. Esta viaxe comeza coa Odisea, segue cos contos clásicos tradicionais, de autores como Perrault e Andersen, e continúa con novelas que orixinariamente non foron escritas para nenos como As viaxes de Gulliver, de Swift ou o Oliver Twist de Dickens, por citar só algunhas. Neste percorrido, o autor dá conta así mesmo das versións cinematográficas de moitos destes clásicos, facendo unha análise comparativa dos filmes e os textos literarios, suxerindo actividades didácticas, adecuadas á idade do alumnado, que faciliten a achega e a comprensión destas obras. Nas “Palabras de presentación” do libro Da Carapuchiña ao Señor Lamote o autor defende a vixencia dos clásicos, afirmando que “seguen mantendo a súa forza de comunicación e fascinación diante dos nenos e nenas e, para que esa forza e fascinación sobreviva sen eiva, cómpre respectar a palabra orixinal” (p. 12. 2019. Xerais).
O autor reivindica que “a literatura para os pequenos lectores debe ser literatura sen máis, garantindo ao tempo unhas mínimas condicións de accesibilidade acordes coas características deses destinatarios. Por iso, un bo libro para nenos debe ser un libro co que tamén poida gozar o lectorado adulto”. 10/10/ 2014/ (entrevista publicada en Baia edicións)
Publicacións
Literatura infantil e xuvenil
Narrativa
Poesía
Ensaio
Traducións
Galardóns
Proximamente vai ser nomeado Socio de Honra de GALIX
Documentación: Teresa Pérez Tilve

Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.