A pequena Kuna, de Mercedes Pacheco

XANEIRO 2024

Recomendamos A pequena Kuna de Mercedes Pacheco

A historia do pobo Kuna imaxinada por Mercedes Pacheco e ilustrada pola coñecida muralista Vanesa Álvarez mestura o relato coa poesía dun xeito global no que se podería denominar un álbum lírico, musical. O conto, herdeiro dos clásicos rimados, combina a narrativa e os versos intercalados con coloridas imaxes de inspiración caribeña. No resultado todo interactúa como un xogo, versos lúdicos sen estridencias que convidan a cantar:

Do, re, mi, fa, sol, la, si..

Música mestre!

Notas mariñas

En Panamarina

Soan por todas as esquinas.

Corda vento e percusión

arman una gran diversión

Coa frauta, guitarra e acordeón.

A pequena Lúa goza da compaña dos animais na illa Mola-Mola, o seu fogar, mais os seus xogos vanse ver sobresaltados ao atopar a Don Pelícano ferido, e sen pensalo dúas veces, vai nadar ata o barco de Oli, na procura da súa axuda. A pequena Kuna é un fermoso libro transmisor de valores destinado ás crianzas que denuncia a urxencia de coidar do planeta nun ton melódico: Por favor humano // Non nos fagas máis dano // e bótanos un cabo. Se houbese máis poesía o mundo sería un lugar moito mellor, infinitamente mellor e máis habitable. Que falta nos fai!

Ana Luna Alonso