
ABRIL 2025
Recomendamos Mica, Cuarzo e Feldespato de Antonio Manuel Fraga
Que gatos e ratas colaboren é algo que só pode suceder nunha historia de Antonio Manuel Fraga, un dos autores máis tenros da nosa LIX. Mais o argumento non sorprende tanto cando sabemos que o inimigo ao que se enfrontan é unha manda de gaivotas usureiras que rouba a comida dos roedores, ameazando o equilibrio de todo o vertedoiro. Só semellante inxustiza poderá levar a Garfus e Gordoespello, dúas ratas exploradoras, a afrontar os seus maiores medos e buscar axuda nos seus depredadores naturais. Pero, como nesta historia nada é o que parece, os gatos Mica, Cuarzo e Feldespato non comen rata porque están ben alimentados, á serpe Serpentina móvea a súa vaidade, non o seu estómago, e o incluso o temible morcego Laracho resulta ser máis fráxil do que parece. Todos eles, xuntos, poden converterse en heroes, só por un día.
Fábula de colaboración impregnada da emoción e humor ao que Fraga nos ten acostumadas nas súas historias para a xente miúda. Unha lectura áxil e cálida que amosa que ata nos lugares menos fermosos acaba entrando a beleza cando os seus habitantes fan comunidade.
E claro que ás ratas lles acabamos por coller agarimo, como ben advirte o narrador nas primeiras páxinas. E si, o vertedoiro xa non nos parece un lugar tan terriblemente feo cando pechamos o libro. Debémoslle isto último, por suposto, ás engaiolantes ilustracións de Bea Gregores, refachos de cor que tornan o vertedoiro nun mundo de fantasía.
Iria Misa
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.