
XULLO, 2018
Recomendamos:Bruxa e familia, de Paula Carballeira.
Onomástica é unha bruxa nova que vive nunha casa de pedra acompañada das gatas Isis e Nefertiti e de moitos outros animais. Recibe poucas visitas porque a xente desconfía das bruxas. A veciñanza prohibiulles aos seus fillos que a foran ver, pero ela é boa e quere axudar, e algún neno ou nena vai visitala cando seus pais non se decatan. Outros animais que a acompañan son o caracol Prisciliano que vive no cuarto de baño; a araña Sétima que cubre a casa coa súa tea; a súa filla Catrovecesdúas que xa está empezando a tecer a súa; a mosca Cornucopia que é a verdadeira gardiá; a escolopendra Pérfida que a imaxina bailando na escuridade; o rato Caruso que canta ao apagar a luz; a toupa Altamira que vive no xardín ou o merlo Tristán que todas as mañás toca no cristal para que lle leve pan mollado en leite. A todos lles puxo un nome importante e pasaron a formar parte da súa familia. De vez en cando tamén se presentan a curuxa Carmila e o Monstro do Tellado, que é un lobishome que non atopa o seu lugar en ningures. Rosaura é unha nena amiga que a visita sempre que pode. Foi aprendendo pequenos segredos ata que un día tivo que marcharse a vivir á cidade. Onomástica, polo seu aniversario, decidiu organizar tres festas: A primeira para a familia humana. Asistiron seu avó (que é poeta e fala raro), súa avoa, súa nai, seu pai e Rosaura. A segunda para a familia da casa, con todos os animais. A terceira para a familia do tellado, a curuxa Carmila e o monstro-lobishome. De agasallos recibiu unha cadeliña, que nomeou como Morgana, e un tambor africano que pertenceu a unha feiticeira. Chámanlle a Bruxa da Casa de Pedra e din que vive soa, pero iso non é certo.
Historia entrañable que actualiza, para o público infantil, a figura da meiga e que está narrada coa imaxinación que caracteriza á autora. Preséntaa como unha muller nova, autónoma e independente, e como unha bruxa boa, coñecedora de diversos feitizos e receitas naturais. Tamén recupera un personaxe da mitoloxía como é o lobishome. Mestura ficción e realidade e fai que nos fixemos en diferentes seres da natureza, aínda que sexan ben pequenos como un caracol. As atractivas ilustracións de Lucía Cobo axústanse ás descricións do relato e contribúen a destacar o texto. Obra moi interesante para traballar os valores de autoestima, empatía e igualdade. Un fermoso libro, que recomendamos para nenas e nenosa partir duns 8 anos, pero que tamén gustará aos maiores. Luz Corral Uzal
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais,no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.