
MARZO, 2018
Recomendamos: Un máis, de Olalla González.
Cando un membro máis vai chegar á familia sempre suscita interrogantes. Isto foi o que lle pasaou ao pequeno coello cando se enterou de que mamá coella ía ter un bebé. A partir dese momento o pequeno coello quere saber cando nacerá. Olalla González e Marc Taeger van tecendo unha tenra historia que temporalmente abarca a espera do novo bebé. O pequeno coello condúcenos por unha estructura repetitiva con tres puntos referenciais: as reiteradas preguntas que lle vai facendo a súa nai de cando nacerá, da que sempre recibe a mesma resposta; por outro lado o anuncio aos outros animais do bosque de que vai ter un irmán ou unha irmá e aos que tamén interroga coa súa pregunta de cando nacerá. A terceira referencia son as súas ensoñacións, a modo paréntese ou aposición gráfica, de todo o que ha suceder cando teña un irmán ou unha irmá. Por fin mamá coella chega ao final da espera e danos unha gran sorpresa! Desde o punto de vista gráfico hai que salientar o tratamento das gardas que nos introducen nun inmenso campo no que se vai desenvolver a historia e que se repite na dobre páxina seguinte, para rematar o álbum co mesmo efecto gráfico, o que lle da un carácter circular á narración gráfica. Xa na portada nos presenta ao pequeno coello, cun sorriso, mirándonos atentamente, coas súas grandes orellas e con medio corpo afundido na herba. Na última páxina aparece unha imaxe similar do pequeno coello, pero moi ben acompañado, tamén mirándonos e aquí con cara de sorpresa. Os fondos, polo feito de ser brancos, contribúen a que as figuras silueteadas con quebradizo trazo negro, adquiran protagonismo. Álbum moi interesante para traballar os valores: a amizade, a solidariedade, a xenerosidade... Extraordinaria proposta para compartir pequenos e adultos.
Ángeles Roca López
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais,no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.