
XUÑO, 2017
Recomendamos: Corredora, de María Reimóndez
Se che gusta correr, vaiche gustar Corredora, de María Reimóndez, e se aínda non tes ningún libro de María, xa podes escoller entre todos estes escritos para ti: Usha (Xerais 2006), Lía e as zapatillas de deporte (Xerais 2008), O monstro das palabras (Xerais 2009), Volvo! O regreso de Usha (Xerais 2014), e agora Corredora (Xerais 2017). Genet naceu nunha aldea de North Wolloh en Etiopía, rodeada de montañas. Alí vive coa súa nai e co seu pai que pasa tempadas fóra, na chaira, pacendo os animais. Coma todas as nenas da aldea, Genet encárgase da casa e de levar a cabra a pastar cando queda soa. Sempre hai escaseza, pero o ano en que a situación é desesperada pola fame, os homes da aldea deciden que as mulleres máis novas deben camiñar ata a cidade para pedir esmola, nas rúas inseguras e caóticas de Addis Abeba. Aquí comeza aventura da corredora. Na cidade hai unha chea de cousas atractivas das que Genet non vai poder gozar polo de agora: ”Quen sabe se algún día ela poderá probar tales beberaxes”. Genet, adopta o alcume de Solomon e o aspecto dun neno para pasar desapercibida, e mentres fai os recados, corre: “ninguén ataca a unha persoa que corre veloz”. A historia da corredora é un conto de superación persoal, da moza que se vai facendo Genet, que grazas ao apoio da súa nai Toiba, a do seu adestrador Abebe, á das súascompañeiras como Meseret, e sobre todo, á da súa afouteza, que lle permite pasar de correr para ser invisible a correr para que a vexan. Toda unha campioa que retrata a tradición de estrelas etíopes do atletismo como Tiki Gelana, de Tirunesh Dibaba, de Teyba Erkesso, de Eyerusalem Kuma, e tantas outras!
Ana Luna Alonso
______________________________
GÁLIX aporta cada mes unha reseña feita por algún socio para a sección Este libro encantoume da OEPLI, ao igual que o resto de seccións. Todos os meses poderás ver as recomendacións das seccións aquí, na web da OEPLI e as de GÁLIX, ademais,no noso blog (bota un ollo na barra lateral!). Se queres colaborar coas túas reseñas para esta sección, non dubides en nos contactar.
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.