Os ecos do vento, de Antonio García Teijeiro

Xuño 2025

Recomendamos Os ecos do vento de Antonio García Teijeiro

Cando Os ecos do vento chegou ás miñas mans intuín que me atopaba ante un atinado agasallo para a cativada lectora. O suxestivo título deste poemario de Antonio García Teijeiro, unido á máxica ilustración que Noemí Villamuza elixiu para a portada, convidaban a ceibar o noso maxín, a descubrir outros mundos, outros tempos, outras voces. Como fai saber o propio autor no poema introdutorio desta obra incluída na Colección Poesía Ilustrada da Editorial Kalandraka, o libro está tecido “cun monllo de poemas como homenaxe a toda esa beleza que me leva emocionando dende hai tempo”.

A primeira composición, inspirada en Juana de Ibarbourou, poeta uruguaia de orixe galega, anuncia os poemas posteriores e inclúe o verso que titula o libro: “E cantan calando/ E calan cantando/ os ecos do vento/ nas noites de maio” (en alusión aos paxaros). A partir de aí, a través destas páxinas somos quen de abrir as fiestras de poetas coma Gabriela Mistral, que nos invita a pairar coa nena andoriña que “voaba no deserto/ confundida, despistada/ polas liñas do incerto”. Ou de Laura Devetach, mestra rural e xornalista cuxos libros foron prohibidos durante a ditadura arxentina, que nos fai perseguir “unha vella moi velliña/ (que) corre pola rúa/ tras dunha mazá”.

Este mesmo exercicio, en parte literatura, en parte pedagoxía, rende homenaxe a poetas que merecen pasar á historia das letras coma referentes: María Cristina Ramos, Mercedes Calvo, María Elena Walsh, María José Ferrada, Cecilia Pisos, Beatriz Giménez de Ory, María Teresa Andruetto ou Gloria Fuertes. A nosa Rosalía non podía faltar a esta cita de versos que brúan nos ecos do vento, desta volta vestida coma “unha moza namorada/ que quere fuxir do inverno”.

Un libro moi recomendábel para convidar o público infantil a descubrir a poesía a través de diálogos fermosamente ilustrados con mulleres poetas cuxa vida e obra desprenden inspiración. Un poemario luminoso, feminino, musical. Poesía necesaria.

Claudia Castro