
ABRIL 2024
Recomendamos Animalario de ler a diario de Eduard Velasco.
Escribo esta recensión e estou escoitando, no meu interior, as gargalladas da rapazada á que lle teño achegado este “Animalario para ler a diario” como parte dalgún dos obradoiros de poesía que imparto.
Dende a portada, a palabra e a imaxe van da man; tecendo ambas un espazo de xogo e divertimento que somerxe ao lectorado nunha foliada chea bicharía para todos os gustos. Por terra, mar e aire, dende os máis grandes aos máis pequenos seres, enchen o libro coa súa presenza, para así cantar e contar a través de coidadas rimas as súas historias, construíndo poemas con enormes doses de humor. Dá igual que se fale dunha mosca, dunha estrela de mar ou dunha vaca, o resultado despois de ler (e ver) o poema é sempre o mesmo: un gran sorriso nos beizos e a necesidade de regresar a vista (e o resto dos sentidos) polos versos e as imaxes.
Empreguei ler (e ver) porque, como xa dixen, o traballo de Nuria Díaz é magnifico. Dota ao libro dunha enerxía que percorre cada unha das páxinas - poema creando unha atmosfera onde cada animal agarda alegre a nosa chegada.
Como lector, gocei deste libro; como dinamizador da lectura, e sobre todo da lectura de poesía, atopo nel unha boa ferramenta para achegar a poesía na aula. Agradezo a Eduard Velasco os seus versos, feitos coa habilidade de quen coñece a palabra e establece con ela unha relación de amizade. Con libros así é máis doado conquistar espazos para a poesía.
Remato dándolle os parabéns a Xerais que coida ao máximo o seu produto, feito que agradezo como lector, amante dos libros, e galego.
Miguel Ángel Alonso Diz
Para proporcionarlle as mellores experiencias, utilizamos tecnoloxías como cookies para almacenar e/ou acceder á información do dispositivo. O consentimento a estas tecnoloxías permitiranos procesar datos tales como o comportamento de navegación ou identificacións únicas neste sitio. Non consentir ou retirar o consentimento pode afectar negativamente certos recursos e funcións.